MITOLOXÍA GALEGA: A Coca
Este novembro chega cargado de bo tempo e iso sempre nos anima.
Neste caso, os nosos alumnos e alumnas de 5º de Educación Primaria animáronse a preparar un traballo sobre un ser da Mitoloxía Galega; o ser elixido é A Coca.
Conta a lenda que se trata dun ser con corpo de dragón, con cola de serpe, con enormes as de morcego, con grandes garras e cunha boca xigante. Contan tamén que esta criatura vivía nos mares e nos ríos, pero lembrade..........estas lendas son froito da cultura e da tradición oral, NON se trata dunha criatura real.
Unha das moitas lendas sobre A Coca, explica que había unha rapaza preciosa, era fermosísima pero moi moi moi soberbia. A ela non lle gustaba ningún rapaz porque consideraba que ningún estaba a súa altura. Un día chegou un cabaleiro con boa porte e namorouse del perdidamente, organizaron unha voda pero....cando chegou o momento da cerimonia, o noivo non apareceu. Todos os seus pretendentes anteriores mofáronse dela e a rapaza non puido aturalo.
Botouse a correr e a chorar, e agochouse nos montes onde ninguén a volvese a ver. Tanto chorou que se lle secou o corazón, se lle secou a pel.....engurrándose enteira e transformándose no ser que coñecemos como a Coca.
Con esta forma monstruosa decidiu vingarse de todo o pobo, secuestrando mozas todos os anos mentres os mariñeiros se botaban a faenar na mar. Ata que os veciños decidiron tenderlle unha trampa. As mulleres do pobo vestíronse como os mariñeiros e marcharon faenar a mar, así que os homes quedaron agochados no pobo. A Coca caeu na trampa e tentou atrapar a unha moza pero......a capturada foi ela.
A lenda conta que isto aconteceu en Redondela e para que os veciños non esquecesen o que acadaron loitando todos xuntos, comezaron a celebrar unha festa que seguen festexando a día de hoxe para recordar a súa valentía. A finais do mes de maio celebran a festa da Coca (coincide co Corpus Christi) festa declarada de Interese Turístico Galego.




Comentarios
Publicar un comentario